Máis de 10.000 alumnos de Primaria aprenderán este ano a facer compost nos seus colexios grazas a un proxecto pioneiro da Xunta

16/10/2019

Línea Verde

info@lineaverdemunicipal.com

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá o CEIP Ría do Burgo, un dos 30 centros seleccionados en toda Galicia para participar nesta iniciativa de sensibilización e educación ambiental

O departamento autonómico dotará a cada centro de composteiros e cubos para recoller os residuos orgánicos e impartirá obradoiros de reciclaxe ao alumnado e formación específica sobre compostaxe a profesores e persoal dos comedores

O programa desenvolverase ata o mes de decembro aínda que se agarda que a partir de entón cada centro escolar lle dea continuidade pola súa conta

Máis de 10.000 alumnos de Educación Infantil e Primaria participarán este outono nun programa pioneiro de compostaxe escolar impulsado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, grazas ao cal aprenderán a separar os residuos orgánicos que se xeren nos seus respectivos comedores e a reutilizalos despois en forma de abono nos hortos existentes nas súas instalacións.

Durante unha visita ao CEIP Ría do Burgo de Culleredo, un dos 30 centros públicos seleccionados para formar parte do proxecto, a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, subliñou a boa acollida que tivo esta primeira convocatoria do programa entre a comunidade educativa galega. Así, explicou que 61 colexios de toda Galicia se inscribiron este verán para formar parte do mesmo, motivo polo que o seu departamento decidiu ampliar de 20 a 30 o número de participantes previsto inicialmente.

“Este proxecto combina á perfección dous obxectivos fundamentais para a Xunta en materia de medio ambiente: a sensibilización e a educación”, indicou a conselleira, quen recalcou que a escola “é o mellor escenario para apostar pola educación ambiental”.

Durante os dous meses que durará o proxecto, os rapaces aprenderán a compostar, controlando e participando en todos os pasos do proceso, desde o depósito e recollida dos residuos orgánicos, ata o seu tratamento e transformación final en compost. Por iso, como requisitos imprescindibles para participar, os centros seleccionados tiveron que acreditar que tiñan servizo de comedor, horta ou invernadoiro e que contaban cun equipo integrado por mestres e persoal do comedor, disposto a asumir a coordinación dos traballos.

En todos os colexios, a Consellería encargarase de subministrar os medios materiais necesarios para poder levar a cabo a iniciativa, así como de impartir formación e coñecementos aos coordinadores do proxecto en cada caso, tanto profesorado como persoal do comedor, e obradoiros sobre compostaxe e reciclaxe dirixidos ao alumnado. O custo estimado do programa nesta primeira edición ascenderá a uns 35.000 euros.

O CEIP Ría do Burgo foi o primeiro dos centros participantes en recibir o seu composteiro e os cubos que facilitarán a recollida da fracción orgánica nas súas instalacións. Neste sentido, a conselleira avanzou que nas próximas semanas completarase a entrega do material a todos os colexios e que en novembro o programa estará xa plenamente operativo.

Finalmente, persoal técnico da Consellería visitará cada centro escolar no mes de decembro, coincidindo coa finalización do proxecto de compostaxe, para facer un pequeno seguimento e control de como se desenvolveu. En todo caso, Ángeles Vázquez aclarou que a intención é que todos os colexios poidan darlle continuidade pola súa conta e sigan o próximo ano a empregar o material subministrado para facer o seu propio compost, para o que contarán igualmente co asesoramento e apoio da Xunta.

Xunta de Galicia

Actualidade ambiental

Cerrar [X]Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies