Galicia recorre a orde do lobo por estar «repleta de incoherencias»

28/09/2021

Línea Verde

info@lineaverdemunicipal.com

Tal e como anunciara, a Consellería de Medio Ambiente presentou onte un recurso ante a Audiencia Nacional para solicitar ao Goberno central que paralice a inclusión do Lobo na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección (Lespre). Así polo menos o anunciou a conselleira, Ángeles Vázquez, que participou en Santander nunha reunión de coordinación xunto a dirixentes políticos de Asturias, Cantabria e Castela e León, e a representantes das organizacións agrarias. A comunidade solicitou tamén a suspensión cautelar da orde ata que exista unha sentenza firme.

Vázquez pediu «xustiza e coherencia» ao Goberno central, ao que acusou de crear unha situación incómoda a catro comunidades que ocupan o 28 % do territorio nacional, nas que habitan preto de 7 millóns de españois e que xestionan o 95 % do lobo que hai en España. Autonomías que xa están a recorrer aos tribunais para paralizar a orde e que, ademais, queren entrevistarse co comisario europeo para o Medio Ambiente, Virginijus Sinkevicius, pois consideran que a decisión do ministerio vulnera a normativa comunitaria. 

Co seu recurso ante a Audiencia, a Xunta quere demostrar que a orde está «repleta de incoherencias». Primeiro porque carece de «motivación científica», pois Medio Ambiente sostén que é a primeira vez que se inclúe a un mamífero na listaxe «en base a opinións subxectivas». «O valor cultural da especie, como tal, xa estaba recoñecido e, ademais, goza dun estado de conservación favorable na nosa comunidade», asegurou a conselleira. Segund,ou porque a tese de Transición Ecolóxica de que prohibir o control do lobo ao norte de Douro vai implicar que a especie se desprace ao sur «é unha teoría dubidosa e sen fundamento científico no que apoiarse». Para rematar, Vázquez lembrou que é unha orde sen previsión económica, cando o propio Consello de Estado recoñeceu que vai ter un gran impacto económico e orzamentario, e que non inclúe un período transitorio para que os afectados poidan acollerse a ela.

A Xunta recibiu esta semana o borrador de a Estratexia estatal de conservación do lobo, na que se ve «que o ministerio para a Transición Ecolóxica e o de Agricultura se borraron de responsabilizarse das axudas cando si o tiñan contemplado», engade Vázquez. É por iso que a conselleira afirma que «son sobrados os motivos polos que as comunidades autónomas imos recorrer. Queda un camiño largo, pero no que confiamos na xustiza», engadiu. 

Sobre o tema falaron tamén o conselleiro de Castela e león, Juan Carlos Suárez-Quiñones, quen destacou que catro gobernos de todo o arco político teñan decidido unirse en defensa do seu territorio. «Trátase da primeira vez na democracia que se remata co consenso relativo á fauna silvestre», afirmou. Pola súa banda, Guillermo Blanco , conselleiro de Cantabria, apuntou que a reunión permitira revalidar a coordinación entre as comunidades e que «a oposición non fixo máis que empezar. As declaracións da ministra aludindo a unha falla de diálogo coas comunidades resultan indignantes», asegurou. E o de Asturias, Alejandro Calvo, engadiu que as comunidades «teñen razón, documentación e fundamentos científicos e, sobre todo, unha visión global da súa responsabilidade no territorio». Para rematar, as organizacións agrarias nacionais anunciaron a presentación do seu propio recurso porque se sente «moi decepcionadas e enganadas» cun Goberno «que dá as costas ao mundo agrario e ao mundo rural».  

M. ALFONSO / LA VOZ DE GALICIA

Cerrar [X]Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies