COMPARTIMOS
ADRIÁN GREGORIO E ANTÓN DOPICO, NA CLASE VAURIEN, ACADAN O 2º POSTO NA COPA XUNTA DE GALICIA 2025
Vilagarcía volveu a converterse esta pasada fin de semana na capital da vela autonómica coa celebración da Semana Galega da Vela, una cita que reuniu a máis de 200 regatistas nunha competición que, ademais de puntuar para as súas respectivas clases, foi valedoira para a Copa Xunta de Galicia. Cun ambiente excelente tanto no mar coma en terra, e unha organización impecable a cargo da Real Federación Galega de Vela, a regata cumpriu con creces as expectativas.
E ata alí se desprazaron dúas tripulacións xuvenís da clase vaurien do CVF As Pontes, Adrián Gregorio/Antón Dopico e Paula González e Ana Lefler. Ambas tripulacións disputaron a fase clasificadora previa do sábado e domingo, clasificándose soamente o barco tripulado por Adrián e Antón para Medal Race final da xornada do domingo que dirimiría o podio final.
As dúas xornadas de regatas estiveron marcadas por un vento frouxo, de entre 3-4 nós, 5 no mellor dos casos, pero que resultou suficiente para completar as probas e navegar sen contratempos, o que deu lugar a unha regata moi competida.
Estas condicións aproveitáronas especialmente Adrián Antón, cun barco rápido e tripulación lixeira, para sorprender a toda a flota e facerse con dúas vitorias nas 3 mangas disputadas o sábado o que os subía ó 2º posto da clasificación xeral a un so punto dun barco campión como era o de Pablo Cabello e Isabel Cabello. Paula González e María Lefler, con menos horas de navegación en esta clase, trataron tamén de aproveitar a súa condición de tripulación lixeira para tratar de colocarse o máis arriba posible na clasificación.
Na xornada de domingo as condicións de vento mantivéronse e Adrian e Antón saíronse coa súa defendendo esa 2ª posición, que á postre foi definitiva, tanto na fase clasificadora coma na Medal Race. Pola súa banda Paula e Ana, tras pelexar co groso do pelotón da flota nas dúas mangas clasificadoras, finalizaron na 8ª posición.
📷 Club Vela Fluvial As Pontes